HORIZONTE DE NEVE
A liña branca vernizada de luz
é obra do espello vacío do ar.
Nós, ante o ceo, somos un pensamento
que se eleva
como a raíz invisíbel dun desexo.
Un mapa puro, sen nomes, sen camiños,
sinala no noso corazón a soedade.
Non hai presenza. Non hai voz.
Só hai un eco de sombra transparente,
o ollo que contempla o interior da ausencia.
E dóenos a lágrima azulada do día,
este espacio que é un mar que nunca existiu.
E nunca foi tan claro un latexo no sangue
e nunca o corpo adiviñou a vertixe
que a claridade entrega
como unha sede de beleza.
Estamos descubrindo outro horizonte
en nós mesmos.
Somos o ser deste silencio
que a neve impón
como destino.
(Miguel Anxo Fernán Vello) Imagen: Robert Cottingham